COGAMI está a desenvolver durante o ano 2025 un Programa dirixido á Promoción da Igualdade entre mulleres e homes, do que se benefician máis de 100 mulleres con discapacidade. Moitas delas atopábanse en situación de especial vulnerabilidade ou de emerxencia social, con múltiples factores de exclusión, desemprego ou dificultades de inserción e participación social derivadas de circunstancias persoais e familiares. O programa proporciona o apoio necesario para que cada participante poida desenvolver o seu plan vital.
Financiado pola Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF das persoas contribuíntes que marcaron o recadro de Actividades de Interese Social, este programa busca promover a igualdade entre mulleres e homes, potenciar a presenza e participación de mulleres na vida política, económica, cultural e social, e atender especialmente ás mulleres con discapacidade en situación de vulnerabilidade.
A través deste programa desenvólvense actuacións de información e asesoramento para o empoderamento e a participación activa das mulleres, especialmente das que viven situacións de vulnerabilidade ou residen en zonas rurais, mediante itinerarios personalizados. Utilízase unha metodoloxía de Atención Integral Centrada na Persoa, que comeza coa análise de necesidades e realiza as intervencións cun enfoque comunitario, incidindo na propia contorna natural das participantes.
O obxectivo principal é potenciar o desenvolvemento das capacidades de cada muller participante e mellorar a súa autonomía persoal a través de itinerarios de intervención social adaptados ás súas necesidades.
O programa conta cun equipo de seis traballadoras sociais que operan nas instalacións que COGAMI ten en A Coruña, Ferrol, Santiago, Vigo, Lugo e Ourense, garantindo un acompañamento directo e de calidade para todas as participantes.