Esta semana avanzamos un paso na inclusión das persoas con discapacidade. O Congreso vén de aprobar o inicio da tramitación da reforma do artigo 49 da Constitución, que vai permitir substituír o termo diminuído pola expresión persoas con discapacidade. Con 315 votos a favor e 33 abstencións de Vox, os partidos da Cámara Baixa votaron a favor da toma en consideración do texto que se vai tramitar pola vía de lectura única, sen pasar por ponencias nin por comisión, para que poida ser aprobado definitivamente no Senado este mesmo xoves.
A tramitación desta reforma é unha demanda que levaban tempo reclamando todos os colectivos representativos da discapacidade. Algúns dos puntos clave para eliminar o termo diminuído da Constitución ten que ver con que as palabras si importan, polo que fará referencia a persoas con discapacidade física, sensorial ou psíquica. Para o secretario de COGAMI, Víctor Silva, “dende COGAMI celebramos esta iniciativa porque a utilización das palabras é fundamental para non estigmatizar e contribuír á normalizar o que é a normalidade”.
O nova redacción no artigo 49 da Constitución establece que "as persoas con discapacidade son titulares dos dereitos e deberes previstos en condicións de liberdade e igualdade real e efectiva, sen que poida producirse discriminación". Ademais, indica que "os poderes públicos realizarán as políticas necesarias para garantir a plena autonomía persoal e inclusión social das persoas con discapacidade" e que "estas políticas respectarán a súa liberdade de elección e preferencias e serán adoptadas coa participación das organizacións representativas de persoas con discapacidade" nos termos que establezan as leis".
A importancia da terminoloxía.
O termo persoa con discapacidade é o apropiado para utilizar fronte a outras referencias discriminatorias, degradantes e insultantes como son diminuído. Falar de persoa con discapacidade é dar un paso máis cara á inclusión e o respecto dun colectivo que forma o 9% da poboación mundial. É necesario a utilización dunha linguaxe apropiada que non menosprece á persoa.