A rexedora e rexedores dos concellos de Redondela, Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes visitaron o novo Servizo de Atención Temperá que abre as súas portas na rúa Isidoro Queimaliños, 2, de Redondela. A esta visita institucional asistiron a alcaldesa de Redondela, Digna Rosa Rivas; o alcalde de Soutomaior, Manuel Lourenzo; o alcalde de Pazos de Borbén, Xosé Luciano Otero; e o alcalde de Fornelos de Montes, Emiliano Lage. Por parte de COGAMI, estiveron presentes o coordinador do Servizo de Atención Temperá, Álvaro García, e o membro da Xunta Directiva, Celso Álvarez.
O novo servizo, está integrado por estes catro concellos e forma parte da Rede Galega de Atención Temperá e cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027. É un apoio esencial para a atención especializada a nenas e nenos de 0 a 6 anos con desafíos no desenvolvemento ou en risco de telos. Segundo datos do IGE 2025, a área de influencia da agrupación conta cunha poboación de 1.647 menores nesa franxa de idade, e estímase que arredor do 10 % poderá precisar apoio específico ao longo do seu desenvolvemento.
Un modelo centrado na familia
O servizo de atención temperá, xestionado por COGAMI, aposta por un modelo de intervención centrado na familia. O obxectivo é acompañar aos pais e nais para que poidan apoiar o desenvolvemento dos seus fillos e fillas nos momentos máis significativos do día a día: levantarse, ir ao baño, as comidas, o xogo, o parque ou a escola. Seguindo as prácticas recomendadas a nivel estatal e internacional, cada rutina convértese nunha oportunidade para medrar, gañar confianza e avanzar cara á autonomía, sen engadir cargas extras ás familias.
O servizo inicia a súa actividade cun equipo formado por unha psicóloga, unha logopeda e unha fisioterapeuta pediátrica, que achegará coñecemento experto para apoiar a crianza e ofrecer respostas axeitadas ás necesidades de desenvolvemento dos nenos e nenas, sempre dende unha perspectiva integradora e coordinada.
A xestión deste novo Servizo de Atención Temperá lévase a cabo a través dun concerto social entre a Agrupación de Concellos e COGAMI, entidade de referencia en Galicia pola súa traxectoria na prestación de servizos especializados, na defensa dos dereitos das persoas con discapacidade e no desenvolvemento de proxectos de inclusión social. COGAMI será responsable do equipo profesional, da coordinación técnica e da implementación do modelo centrado na familia, garantindo unha atención de calidade aliñada coa evidencia científica e coas directrices da Rede Galega de Atención Temperá.
COGAMI conta cunha ampla experiencia na xestión de servizos municipais de atención temperá que iniciou en 2020 coa Mancomunidade do Baixo Miño e, desde entón, asumiu tamén esta responsabilidade nos concellos de Abegondo, Bergondo, Carral, Sada, Ponteareas, Poio, Miño, Pontedeume e Vilarmaior, así como no Concello de Mos ata o mes de novembro.