ACADAR, a Asociación de Mulleres con discapacidade de Galicia, organiza nos campus universitarios de A Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela o programa de formación para o estudantado universitario que leva por nome “VIO 7: Ver para Erradicar”.
A iniciativa, subvencionada pola Deputación de A Coruña, xorde tras comprobar a necesidade de previr, sensibilizar e identificar as violencias cara ás mulleres con discapacidade e continúa para achegar esta realidade a máis xente.
As sesións de sensibilización, que iniciaron a finais do mes de novembro na Facultade de Enfermería do Campus de Ferrol e na Facultade de Ciencias da Educación da USC, rematarán o 14 de decembro na Facultade de Ciencias da Saúde da Universidade de A Coruña, impartíndose estas charlas na titulación de Terapia Ocupacional.
Este proxecto oferta unha formación específica en materia de xénero e discapacidade facendo especial fincapé na violencia exercida contra as mulleres con discapacidade. Búscase a reflexión crítica e o debate no alumnado facendo uso de materiais audiovisuais e casos prácticos recollidos no libro “Violencia contra as mulleres con discapacidade: ver e recoñecer os sinais”, único a nivel galego, e que está editado por ACADAR e financiado pola Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo.
Neste manual amósanse fotografías creadas para visibilizar as diferentes violencias vividas polas mulleres con discapacidade (física, psicolóxica, sexual, obstétrica, estrutural, económica e cultural) acompañada de indicadores concretos que facilitan a identificación destas situacións.
Nestes anos de experiencia da entidade no ámbito da formación dirixida ao estudantado, participaron máis de 600 persoas entre persoal docente, alumnado e voluntariado universitario de todo o territorio galego.
É por iso que ACADAR considera fundamental traballar a sensibilización e identificación das distintas formas de violencia de cara á prevención primaria de situacións de desigualdade; polo que, resulta de gran importancia dirixirse ao colectivo de estudantado, como futuros axentes de cambio.