A Asociación de Galicia de linfedema, lipedema, insuficiencia venosa crónica e outras patoloxías vasculares periféricas (AGL) organiza un Mercadiño Solidario onde estarán como voluntarias as `Libélulas´, un grupo de mulleres que forma parte do equipo Dragon Boat BCS (Breast Cancer Survivors), superviventes de cancro de mama do Club Cidade de Pontevedra.
Este mercado solidario, que estará situado nun local da rúa Cruz Gallastegui número 12 de Pontevedra, estará aberto ata o domingo, 15 de xaneiro, en horario de luns a venres de 11h a 13.30h e de 17h a 20.30h.
Dende AGL agradecen a colaboración cidadá que pode ser tanto mercando no posto como tamén doando obxectos como roupa en bo estado, xoguetes ou complementos que se poidan poñer á venda. Como a día de hoxe non recibe ningunha subvención, todo o recadado irá destinado a sufragar os gastos derivados da práctica do Dragon Boat, deporte náutico que se fomenta polos beneficios que ten para a recuperación das persoas que pasaron un cancro de mama e/ou que desenvolveron un linfedema a raíz deste.