Unha das representantes da Cooperativa Covirán, Marisa Arnoso, encargada de selección no supermercado Etelvina de Aguiño, en Ribeira, visitou as instalacións da asociación Ambar, para compartir a súa visión e experiencia de 40 anos traballando nesta empresa de distribución alimentaria.
O eixe principal do encontro estivo centrado nas competencias laborais. Na importancia de perfís polivalentes, actitude positiva, proximidade e traballo en equipo. Tamén falou de emprendemento e do valor engadido do comercio local. Narrou o impacto do COVID e a implicación que supuxo para o persoal do sector, sobre todo nos primeiros meses da pandemia.
A esta xornada asistiu alumnado do curso sobre industria alimentaria que Ambar está a impartir nas súas instalacións e que finanzan o Fondo Social Europeo e a Fundación ONCE a través do programa "Uno a Uno" do POEJ convocatoria 2021-2022, tendo por finalidade promover a sostibilidade e a calidade no emprego, favorecer a mobilidade laboral, así como reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais das persoas xoves e non integradas nos sistemas de educación ou formación.