A asociación ASDIFICA demanda unhas instalacións municipais para atender ás persoas usuarias de O Carballiño
  • Novas
  • 11 de febrero de 2021

A asociación ASDIFICA demanda unhas instalacións municipais para atender ás persoas usuarias de O Carballiño

A directiva da Asociación de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica do Carballiño  e Comarca (ASDIFICA) vén de solicitarlle ao Concello de O Carballiño a cesión dun local co fin de poder ofrecer en condicións todos os servizos ás máis de cen persoas usuarias da entidade.

Dende ASDIFICA din que o local no que están actualmente situado no segundo andar da Casa Consistorial, debe ser substituído por outro máis amplo e accesible para poder prestar en boas condicións os servizos que ofrecen de fisioterapia e rehabilitación, psicoloxía, educación social, traballo social, orientación laboral, organización de cursos de habilidades sociais, estimulación cognitiva e a atención individualizada durante esta pandemia para comprobar a situación na que se atopan as persoas usuarias.

ASDIFICA aclara que “levamos xa moito tempo en tratos co Concello para a cesión dun local no que poder asentar as nosas actividades de xeito estable”, argumentando que foron ofrecidos varios espazos municipais “pero, a día de hoxe, non se concretou ningunha das opcións”.