A Asociación de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica do Carballiño e Comarca (ASDIFICA) creouse no ano 2006 co fin de prestar servizos ás persoas con discapacidade da comarca de O Carballiño. Actualmente, esta entidade supera as cen persoas asociadas ás que lle ofrece formación, apoio psicolóxico, obradoiros e actividades de lecer que permiten mellorar a calidade de vida destas persoas asociadas.
Malia esta traxectoria, a entidade carece dunhas instalacións propias que lle permitan ofrecer estes servizos. O local que teñen actualmente queda pequeno polo que, cando precisan acoller a un grupo de persoas para desenvolver algunha actividade, teñen que alugar un espazo co conseguinte esforzo que lle supón á entidade.
Dende ASDIFICA din que levan anos solicitándolle ao Concello de O Carballiño a cesión dun local municipal que se consolidou no pasado mes de xuño, coa asignación dun espazo na estación de autobuses. Agora, souberon polos medios de comunicación que este espazo non vai ser para a entidade, polo que dende ASDIFICA decidiron amosar o seu rexeitamento realizando unha concentración pacífica e aberta a quen queira participar para reivindicar o dereito a que se cumpran os compromisos. Será o sábado 2 de abril as 12 horas na Praza Maior de O Carballiño.