A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia, ACADAR, ven de desenvolver obradoiros dirixidos a mulleres con discapacidade do Concello de Lugo.
Este proxecto “Emprego e saúde a través do empoderamento”, financiado polo Concello de Lugo, tivo como obxectivo a procura da mellora da calidade de vida das mulleres con discapacidade participantes a través da redefinición do autocoñecemento.
Fomentouse a adquisición de hábitos de vida saudables e o reforzo das habilidades persoais para a busca de emprego, repercutindo positivamente na reeducación das características propias, garantindo a igualdade de oportunidades, promocionando a participación social e activa das mulleres con discapacidade e, deste xeito, camiñar cara á igualdade real.
Durante os meses de maio e xuño, desenvolvéronse catro obradoiros en dúas quendas nos que participaron máis de 20 mulleres con discapacidade do Concello de Lugo. O primeiro deles estivo relacionado coa promoción de hábitos de vida saudables. Á seguinte semana levouse a cabo unha sesión sobre técnicas de procura de emprego, que tiña como finalidade capacitar ás mulleres para a busca activa dun traballo. A terceira temática tratou o fomento do autoconcepto a través da imaxe persoal e o reforzo dunha autovaloración positiva. O último obradoiro foi dedicado ao coidado do chan pélvico.
Estas accións grupais, impartidas por persoas profesionais dos diferentes ámbitos, deron comezo o 24 de maio e remataron hoxe, 19 de xuño, coa clausura por parte da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira.