• Novas
  • 13 de marzo de 2018

A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia inicia un proxecto que promove a linguaxe non discriminatoria

A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia inicia un proxecto que promove a linguaxe non discriminatoria

Baixo o nome `Comunica a Conciencia´, a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) inicia un proxecto que transformará o uso da linguaxe sexista e discriminatoria noutra que utilice termos non sexistas e inclusivos. Isto será posible a través da utilización dunha ferramenta informática.

Financiado pola Fundación ONCE, este proxecto vai desenvolver obradoiros de comunicación, en materia de linguaxe inclusiva facendo especial fincapé na modificación da linguaxe non inclusiva e discriminatoria. Polo tanto, preténdese a corrección dunha linguaxe non sexista e tamén non discriminatoria cando nos referimos a colectivos en situación de vulnerabilidade, como son as persoas con discapacidade, as persoas sen fogar, as persoas de etnia xitana, por exemplo. Nos mesmos obradoiros, testarase a versión inicial beta do corrector informático de maneira que poida ser mellorado coas propostas que se recollan das persoas asistentes aos seminarios.

Serán impartidos polo persoal técnico da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia e ten a intención de impulsar o uso de termos inclusivos e non discriminatorios entre o alumnado universitario e diferentes profesionais considerados como axentes de cambio, ao tempo que se busca o enriquecemento da ferramenta informática con exemplos que se aporten nas sesións.

Estes talleres son actividades con límite de prazas. Ao longo das sesións o persoal técnico tratará de incidir en todos aqueles aspectos referentes a utilización dunha linguaxe inclusiva e contextualizará o proxecto `Comunica a Conciencia´. A Asociación de mulleres con discapacidade, busca en todo momento a participación e interacción de todas as persoas participantes que terán un papel importante no proxecto aportando novas ideas que formarán parte da ferramenta informática.

A linguaxe que se emprega serve para incluír ou excluír a unha persoa do conxunto, mostrando así unha realidade. Entendemos que a linguaxe inclusiva debe ser capaz de reflectir os cambios sociais que se van producindo no eido da igualdade. A iniciativa do proxecto `Comunica a conciencia´ xurde como unha necesidade de comprender a importancia de usar a linguaxe dun xeito que represente a mulleres e homes con simetría e precisión. Ponse en marcha co afán de sensibilizar aos colectivos de profesionais e futuras persoas que se integrarán neses grupos para crear conciencia no emprego de termos inclusivos, que permitan comunicar por e para todas as persoas independentemente das súas características.