Un grupo formado por nove persoas usuarias da Asociación de Persoas con Discapacidade de Valdeorras e Asociadas (Disvalia) participa nun obradoiro de modelado do barro, actividade que forma parte do programa EnRedArte que desenvolve COGAMI para o seu movemento asociativo.
Financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través deste programa búscase achegar a actividade cultural a través da impartición de diferentes obradoiros artísticos en disciplinas que comprenden, ademais do modelado en barro, pintura, música, teatro e escritura creativa.
Coa finalidade de fomentar a participación e as relacións sociais das persoas con discapacidade, ademais de incrementar a oferta de actividades de lecer na contorna, este programa que iniciou no ano 2015 seguiu ao longo destes anos debido á boa acollida por parte das entidades.
Ademais de practicar diferentes actividades artísticas, estes obradoiros proporcionan beneficios para a saúde porque a través deles trabállase tanto a motricidade fina como tamén fomentan a autoestima, a capacidade de decisión e a autodeterminación das persoas participantes.
Na edición do ano 2021 participaron máis de 100 persoas dos centros de recursos de COGAMI e das asociacións membro.