A Asociación Galega de Linfedema (AGL) conta cun novo servizo de fisioterapia especializado en linfedema, co que pretende mellorar as capacidades das persoas afectadas por esta doenza que ataca o sistema linfático. E cando unha persoa se sente mellor, isto vai repercutir favorablemente na súa propia autonomía persoal, podendo integrarse laboral e socialmente.
Un total de 50 persoas de toda Galicia afectadas por linfedema van poder recibir este servizo de maneira gratuíta. O seu financiamento é a través dunha subvención de 12.000 euros procedente do 0,7% do IRPF e tamén da subvención de 11.000 euros da Fundación ONCE, e que xestiona COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica).
En Galicia son preto de 50.000 as persoas que conviven co linfedema, 900.000 en España, sendo preto de 3.000 mulleres, a maioría operadas de cancro de mama, ás que se lles diagnostica esta enfermidade, segundo sinalan a Sociedade Española de Anxioloxía e Cirurxía Vascular (SEACV) e Sociedade Española de Rehabilitación e Medicina Física (SERMEF), en Galicia
O Linfedema (alteración do sistema linfático) é unha enfermidade grave, crónica e progresiva, de evolución lenta, que proporcionalmente afecta ás mulleres. Non existen fármacos nin intervencións cirúrxicas eficaces. Está demostrado que o tratamento fisioterapéutico resulta efectivo para que a enfermidade empeore e se agrave.
A sanidade pública galega non ofrece un servizo especializado, nin existen suficientes fisioterapeutas que teñan esta especialidade de tratar correctamente esta enfermidade. É por isto que AGL pon en marcha este programa de fisioterapia especializado en linfedema, con profesionais especializados, que tratarán sobre todo a mulleres do ámbito rural. Arestora, este servizo de fisioterapia está en activo en Ferrol, Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Baio (concello de Zas). A persoa con linfedema interesada neste servizo pode contactar coa asociación nos teléfonos 986 505 443 e 618 307 562 solicitando información.