Co fin de mellorar a mobilidade das persoas con discapacidade do Baixo Miño e achegarlles os servizos de promoción da autonomía persoal, a asociación Vontade desenvolve un programa de transporte adaptado e que se confinanza a través dos fondos do 0,7% do IRPF da declaración da renda procedentes das persoas contribuíntes que marcaron o cadro de “Actividades de interese xeral consideradas de interese social” e que xestiona a Xunta de Galicia.
O servizo de transporte adaptado de Vontade ofrece cobertura a todas aquelas persoas maiores de 16 anos, con discapacidade física e imposibilidade de utilización de trasporte público, que precisen transporte para acceder aos servizos de promoción da autonomía realizados no centro de recursos que ten a entidade.
Actualmente, son un total de dezaseis as persoas que se benefician deste servizo, procedentes dos concellos de A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Oia, Salceda de Caselas, Gondomar, Nigrán e Baiona.
A entidade contou cun orzamento de 4.000 euros a través da convocatoria de subvencións da X Solidaria da declaración da renda, coa que se contribúe a que persoas con discapacidade poidan acceder a un servizo de promoción da autonomía e diminuír as situacións de illamento social que viven debido ás características xeográficas da contorna.