• Novas
  • 28 de mayo de 2021

A Consellería de Cultura volve apoiar o proxecto cultural En-Red-Arte que desenvolve COGAMI

A Consellería de Cultura volve apoiar o proxecto cultural En-Red-Arte que desenvolve COGAMI

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade renovou a colaboración con COGAMI para levar a cabo o proxecto En-Red-Arte, unha iniciativa que ten por obxecto facilitar a formación e o acceso á cultura das persoas con discapacidade e impulsar a cooperación entre profesionais do eido da discapacidade e artistas.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, asinaron o convenio de colaboración para a posta en marcha desta iniciativa que xa vai pola súa terceira edición e que contou coa participación 200 persoas dos centros de recursos de COGAMI como do seu movemento asociativo.

En-Red-Arte está deseñado para proporcionarlles ás persoas con discapacidade a posibilidade de vivir experiencias culturais que teñan unha incidencia positiva na súa aprendizaxe e que lles permita desenvolver a súa curiosidade, a formación do gusto e o seu sentido estético e crítico. Ao mesmo tempo, preténdese incentivar o hábito de frecuentar actividades e eventos culturais e estimular a capacidade de superación persoal, entre outras.

Para lograr estes obxectivos levaranse a cabo distintos obradoiros de artes plásticas, fotografía artística, escritura creativa, teatro, música tradicional e popular e danza contemporánea. Todas estas actividades realizaranse nos centros de recursos de COGAMI e asociacións membro.