A Deputación de A Coruña, a través da deputada de Servizos Sociais, Ánxela Franco, entregou un vehículo de transporte adaptado ás entidades que forman parte da Federaqción COGAMI Coruña: ADISBISMUR, AVANTE, AMARAI e ÍNTEGRO, co fin de apoiar os programas sociais que desenvolven. As catro entidades destinarán o seu uso ao transporte de persoas usuarias aos centros de recursos que teñen en Muros, Val do Dubra, Arzúa e Cabana de Bergantiños, respectivamente.
A deputada de Servizos Sociais, Ánxela Franco, e os presidentes das catro entidades, asinaron o convenio de colaboración polo que a institución fai entrega á entidade dunha furgoneta dentro do programa de adquisición e cesión de vehículos ás entidades sen ánimo de lucro da provincia de A Coruña para a mellora dos servizos e prestacións en materia de servizos sociais.
A Deputada Provincial destacou que "dende a Deputación de A Coruña temos especial interese en colaborar con entidades que traballan colectivos especialmente vulnerables e en risco de exclusión", ademais Ánxela Franco engadiu que "sabemos que un equipamento como é o caso desta furgoneta é fundamental para o desenvolvemento do seu labor que reverte na maior atención ás persoas".