Co fin de promover a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado de traballo das persoas con discapacidade, dotándoas de ferramentas e capacitándoas para o desenvolvemento laboral, a Deputación de Pontevedra financia o Servizo de Intermediación, Orientación e Prospección de Emprego de COGAMI das oficinas que ten nas cidades de Pontevedra e Vigo.
A través dun convenio nominativo cun orzamento de 40.000 €, a Deputación de Pontevedra apoia un servizo que ofrece información, asesoramento, formación e capacitación para o emprego ás 6.222 persoas con discapacidade inscritas na bolsa de emprego que ten COGAMI na provincia.
Outro programa que COGAMI desenvolve na provincia é Activando o Rural, financiado a través da convocatoria de subvencións dirixidas ás entidades de iniciativa social sen fins de lucro para o fomento da igualdade de oportunidades e a loita contra a violencia de xénero.
A través deste programa, realizáronse itinerarios personalizados de atención con acompañamento a mulleres que viven en zona rural onde desenvolveron obradoiros sobre a necesidade de autocoidado e a soidade non desexada en mulleres con discapacidade.