A Deputación de Pontevedra xunto con Obra Social ”la Caixa” colaboran coa Federación COGAMI Pontevedra (Federación Provincial de Asociacións de Persoas con Discapacidade de Pontevedra) na posta en marcha dun programa de atención integral a persoas con discapacidade, co fin de proporcionarlles unha atención integral para o fomento da autonomía persoal e a vida independente. Isto farase a través da creación de actividades que dean resposta ás necesidades detectadas.
A través deste programa, que a Deputación apoia cunha contía de 35.000 euros e la Caixa con 8.000 euros, vanse beneficiar 120 persoas con discapacidade residentes na provincia de Pontevedra, todas elas cun perfil similar: baixo nivel de ingresos, sobreprotección familiar, baixos niveis de autoestima e con necesidade de atención rehabilitadora para minorar os procesos dexenerativos.
O programa de atención integral comprende o desenvolvemento de actividades específicas preventivas, rehabililitadoras e de apoio psicosocial que permitan dar cobertura ás necesidades detectadas. A través destas actividades, pretenderase, por exemplo, minorar procesos dexenerativos nas persoas con tetraplexia ou lesións cerebrais, potenciar o mantemento físico, proporcionar hábitos saudables ou asesorar sobre os recursos que existen na Administración para mellorar a situación na que viven.