• Novas
  • 31 de agosto de 2022

A Deputación e COGAMI facilitan a inserción laboral na provincia

A Deputación e COGAMI facilitan a inserción laboral na provincia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, reuníronse na sede da institución provincial para presentar a actividade que leva a cabo a Confederación, co apoio da administración provincial, en favor das persoas con discapacidade para a súa inclusión social e laboral.

Formoso e Queiruga analizaron os resultados do Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) no que vai de 2022, un programa que conta co apoio económico da Deputación, facilitando a inserción laboral de 500 persoas con discapacidade na provincia de A Coruña, e promovendo 1.611 orientacións.

O presidente da Deputación da Coruña destacou a “importancia do labor que levan a cabo en COGAMI, ofrecendo ás persoas usuarias unha ampla variedade de servizos” e eloxiou “os datos de inserción laboral que acada o SIL, mellorando ano tras ano”. “Exercedes un papel fundamental para un colectivo que ten especiais dificultades para acceder ao mundo laboral”, afirmou.

Pola súa parte, Queiruga agradeceu o apoio prestado pola Deputación ao servizo de orientación e intermediación laboral e explicou que “COGAMI está presente nas cidades da Coruña, Ferrol e Santiago, onde contamos cun equipo de orientación laboral formado por 12 profesionais, pero tamén nos desprazamos ata os municipios de ámbito rural para atender as necesidades das persoas destas zonas”.

Base de datos con 8.000 demandantes de emprego

Durante o primeiro semestre deste ano, o servizo de emprego de COGAMI realizou 265 novas entrevistas a persoas con discapacidade que entraron a formar parte da súa base de datos como demandantes de emprego e/ou formación.

A día de hoxe, COGAMI conta cun total de 7.931 persoas inscritas na base de datos na provincia: 3.175 en A Coruña; 2.180 en Ferrol 2.576 en Santiago. Dentro de servizo de intermediación laboral realizáronse tamén 1.611 orientacións laborais e houbo un total de 500 persoas con discapacidade inseridas no mercado laboral.