A Deputación mantén a colaboración con COGAMI na atención a persoas con discapacidade
  • Novas
  • 25 de marzo de 2021

A Deputación mantén a colaboración con COGAMI na atención a persoas con discapacidade

A Deputación da Coruña mantén en 2021 a cesión a COGAMI do local de 557,4 metros cadrados situado no primeiro andar no edificio A Milagrosa de A Coruña, no que presta servizos na cidade e comarca dende o ano 2004 de intermediación laboral, orientación, información, asesoramento, formación e asistencia persoal dirixidos a persoas con discapacidade.

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, reuniuse co vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, para comunicarlle que o convenio de colaboración para a cesión deste inmoble durante 2021 vén de ser aprobado en comisión e será refrendado definitivamente no pleno do vindeiro venres, 26 de marzo.

Esta cesión permitirá a continuidade dos servizos que presta COGAMI dirixidos ás 3.473 persoas que actualmente están inscritas na súa base de datos. Nestas instalacións situadas en A Coruña realízanse unha media de 970 orientacións laborais de persoas que buscan emprego, xestiónanse sobre 250 ofertas laborais nas que adoitan inserirse laboralmente preto de 400 persoas e realízanse unha media de catro cursos nos que saen formadas sobre 60 persoas.

Outros temas que abordaron Lamas e Sestayo están relacionados coa Federación COGAMI Coruña. Sestayo expúxolle á responsable da Área Social da Deputación un proxecto para implementar un novo servizo de asesoramento, orientación e apoio ás 25 entidades de COGAMI na provincia co obxectivo de mellorar a calidade de vida e fomentar a autonomía das persoas con discapacidade.

O servizo permitiría que as entidades compartirán información con respecto ás actividades e servizos que ofrecen, fomentando as sinerxías; así como ofrecer información e asesoramento personalizado en materia lexislativa sociosanitaria para que as persoas con algún tipo de discapacidade e as súas familias poidan ser informadas en materia de recursos existentes, tratamentos, etc.

Ana Lamas destacou a importancia de xerar sinerxías entre as entidades que forman parte dunha rede tan importante coma COGAMI e comprometeuse a estudar o apoio da Deputación á iniciativa, a través das liñas de subvencións de Benestar Social, que o ano pasado deron soporte económico a máis de 200 iniciativas de entidades sociais da provincia da Coruña.