• Novas
  • 26 de enero de 2022

A Federación Alcer Galicia impartiu obradoiros sobre a adaptación da diálise á vida diaria e nutrición

A Federación Alcer Galicia impartiu obradoiros sobre a adaptación da diálise á vida diaria e nutrición

Co fin de asesorar e dar a coñecer estratexias para mellorar a independencia das persoas que reciben tratamento de diálise e para informar sobre pautas nutricionais específicas e saudables, a Federación Alcer Galicia organizou un obradoiro de nutrición e outro de terapia ocupacional nas catro provincias galegas.

Dirixido a persoas con enfermidade renal crónica e contando coa colaboración da Escola Galega de Saúde, estes obradoiros desenvolvéronse a finais de 2021 nos concellos de Poio, Ourense, Lugo, Culleredo, Ferrol e Santiago de Compostela.

A enfermidade renal afecta ao funcionamento dos riles e isto trae consigo que moitas persoas teñan que pasar por algún dos tratamentos que existen para a mellora desta patoloxía. Cando unha persoa perde parte do funcionamento dos seus riles, entra nun tratamento continuo que o leva a estar moitas horas conectado a unha máquina. Esta situación leva a que a vida da persoa cambie por completo, presentando cambios nos hábitos e rutinas, así como na capacidade funcional das persoas usuarias.