Tras a solicitude transmitida pola Federación Nacional Alcer ao Ministerio de Sanidade sobre darlle prioridade, na segunda fase de vacinación, ás persoas que teñen que acudir por obriga de supervivencia a diálise, así como ás persoas que se atopan inmunodeprimidas por vivir grazas a un transplante, a Federación Alcer Galicia canaliza esta demanda á Consellería de Sanidade.
Segundo argumenta a Federación, as persoas en hemodiálise presentan un elevado risco de mortalidade, acadando unha taxa do 26,7%, segundo o último informe da Sociedade Española de Nefroloxía. Outros dos riscos é que deben acudir ao seu tratamento 3 veces por semana, son pacientes cunha idade media de 67 anos e cunha alta porcentaxe de maiores de 75 anos e, as persoas con transplante renal son de alto risco por seren inmunodeprimidas.
Outras das razóns que traslada Alcer é que a vacinación serve para previr contaxios durante o traslado nas ambulancias dos pacientes de hemodiálise cando, como recomenda da Sociedade Española de Nefroloxía, se incumpre o aforo nas ambulancias de 4 persoas e mailo condutor.
Polo tanto, dende Federación Alcer Galicia din que “estes pacientes deberían ser vacinados nos seus propios centros, e así evitar riscos innecesarios por acudiren á súa vacinación en centros de atención primaria”.