A Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade da Provincia de A Coruña (Federación COGAMI-Coruña) presenta un novo servizo que está dirixido ás entidades orgánicas co que se pretende traballar na atención, información e asesoramento en materia sociosanitaria útil para as súas entidades membro, persoas asociadas e familias.
Denominado Servizo de Asesoramento, Orientación e Apoio ás entidades Sociosanitarias de COGAMI-Coruña, este programa desenvólvese a través da financiación achegada pola Deputación de A Coruña a través da convocatoria de subvencións a entidades sen fins de lucro para o mantemento de programas sociosanitarios FOCVAA.
Tendo por finalidade o fomento da calidade de vida e a autonomía das persoas con discapacidade da provincia e das súas familias, este programa diríxese ás 25 entidades membro da Federación e ás persoas asociadas, ás persoas con discapacidade da provincia de A Coruña e familias como tamén está aberto a aquelas entidades que queiran adherirse á Federación.
Para a correcta xestión deste servizo de información e asesoramento, ademais de realizar unha recompilación de servizos que ofertan as entidades orgánicas, boas prácticas, tratamentos e materiais, tamén se dotou de toda a lexislación específica en materia sociosanitaria tanto autonómica como estatal, co fin de ofrecer unha información actual e veraz cando se produza algunha consulta.
Por último, a Federación COGAMI-Coruña, entre todas as súas entidades membro, realizou unha análise de detección de necesidades, para recoller e unificar todas as inquedanzas trasladas e planificar as accións a abordar de maneira conxunta.