COGAMI, a Federación provincial de Ourense Discafis-COGAMI e a asociación Aixiña participaron activamente durante a Semana Europea da Mobilidade nas actividades de sensibilización que organizou a concellería de Educación do municipio ourensán.
As tres entidades realizaron un circuíto e tamén rutas curtas pola zona en cadeiras de rodas para que a xente participante da actividade puidera ver en primeira persoa as dificultades que atopan persoas usuariass de cadeira de rodas por non estaren os espazos habilitados.
Outra das actividades nas que participa o movemento asociativo que forma parte de COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica), é a realización de paseos por lugares polos que se deambula habitualmente e recoller e trasladar á aplicación de móbil que se pode descargar gratuitamente ‘AccesibilidApp’ todas aquelas incidencias de falta de accesibilidade detectadas durante o percorrido.
Todas as incidencias recollidas na app por falta de accesibilidade serán trasladadas nun informe aos concellos pertinentes e responsabilidades municipais.
‘AccesibilidApp’ é unha aplicación móbil de participación cidadá deseñada por COCEMFE, en colaboración con Fundación Vodafone España, para comunicar de maneira directa calquera anomalía en elementos de accesibilidade existentes no medio urbano que dificultan ou impiden a mobilidade das persoas e coas que se pretende avanzar na configuración de espazos accesibles a través da participación cidadá e contribuír na mellora da calidade de vida de vida de toda a poboación e ao cumprimento da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade e da Axenda 2030 de Nacións Unidas.