A Federación Galega de Vela celebrou a Gala de Vela Galega 2020 sendo, a deste ano, unha edición diferente ás anteriores, ao estar dotada de moitas medidas de protección ante o COVID-19: máscaras, distancia social e sen entrega directa de premios. Pero isto non desmereceu unha tarde de premios celebrada no Pavillón Central de As Travesas de Vigo.
Ante coñecidos e recoñecidas figuras do manexo da navegación a vela, tamén estiveron presentes dous membros de COGAMI: Celso Álvarez, membro da xunta directiva, e Yoli Viña, coordinadora da área de Lecer. Ámbolos dous acudiron á gala para recoller o recoñecemento que nesa xornada se lle entregou a COGAMI, un premio que homenaxea publicamente o traballo que a Organización desenvolve para achegar a vela adaptada ás persoas con discapacidade.
COGAMI realiza dende o ano 2013 un programa de lecer náutico en colaboración co Real Club Náutico de Sanxenxo e a Fundación Mapfre. Consiste na realización de escolas de vela adaptada, comprendendo un programa de respiro familiar e un curso de iniciación a vela de 20 horas. Cada verán, o número de persoas que participan neste programa supera as 150.