A presidenta de A Mariña COGAMI, Mª Emma Camaño García, desprazouse ata as instalacións da Deputación Provincial de Lugo para asinar un convenio de colaboración co Presidente provincial, José Tomé Roca.
Mediante este convenio, o organismo provincial contribúe a financiar con 7.000 euros gastos derivados das actividades de rehabilitación física e emocional de persoas con discapacidade que leva a cabo a entidade mariñá.
Tomé Roca puxo en valor o labor que desempeña esta organización, traballando a favor da igualdade e loitando para conseguir a plena inclusión social das persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
COGAMI A Mariña conta con 183 persoas asociadas na actualidade e desenvolve programas de información, orientación e asesoramento, ademais de intermediación laboral, promoción do movemento asociativo, campañas de sensibilización, formación ocupacional, actividades de lecer e tempo libre, e imparte obradoiros prelaborais dirixidos a persoas adultas no centro de recursos que a entidade ten en Palmeiro.