Xornada de traballo da rede de emprego de Ourense Emprega-Nós, unha plataforma que nace en 2021 tras xuntarse dezaoito entidades sociais da provincia, sendo unha delas COGAMI, para crear sinerxías que poidan mellorar as posibilidades de inserción laboral das persoas en situación de vulnerabilidade.
Emprega-Nós vén de reunirse para establecer os obxectivos para este ano, que comprenden a sensibilización e difusión dos dereitos e deberes das persoas traballadoras, a realización dun protocolo de derivación interna para facilitar a inserción laboral ás persoas que acoden aos servizos de emprego das entidades membro da rede e seguir fortalecendo as redes de comunicación coas administracións publicas.
Precisamente esta última liña de traballo levouse a cabo durante a xuntanza, na que convidaron para que asistiran á responsable da oficina de emprego Ourense A Ponte, Mar Sanz, ademais do xefe de servizo de formación da Xunta en Ourense, Rodrigo de Luís.
Emprega-Nós está constituída por dezaoito entidades que traballan con colectivos vulnerables como as persoas con discapacidade, mulleres, persoas migrantes, retornadas, privadas de liberdade, entre outras, e creouse para reivindicar un emprego digno e un aproveitamento de recursos.
Ademais de COGAMI, a rede está integrada por persoal técnico do terceiro sector con ampla traxectoria na inserción de persoas en risco de exclusión como: Provivienda, Fundación Juan Soñador, Fundación ONCE, ValoreSC Innovation, Cruz Vermella, CIASI-UGT, FADEMGA Plena Inclusión Galicia, FEAFES, Plan de Inclusión do Concello de Ourense, Asociación Xarela, CIMO, Fundación Amigos de Galicia, APES, IGAXES, Down Ourense, Fundación Amaranta e Fundación Secretariado Gitano.