Acompañamento e apoio a persoas con discapacidade, apoio educativo a estudantes que precisan reforzo nalgunha materia, apoio en charlas de sensibilización sobre a discapacidade e acompañamento durante prácticas de actividades de lecer ou terapéuticas como a natación, son algúns dos programas que desenvolve a Rede de Voluntariado de COGAMI iniciada en 2001.
Para mellorar esta rede de voluntariado, que arestora supera o milleiro de persoas inscritas, dende COGAMI desenvólvense programas que cofinancia a Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social, como a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, entre outras, ademais dos fondos 0,7% do IRPF procedentes de todas as persoas que marcaron na declaración da renda o recadro 106 de Actividades de interese xeral consideradas de interese social, máis coñecida por X Solidaria.
Cando unha persoa decide facer voluntariado con COGAMI, a propia organización ofrece formación tanto a estas novas incorporacións de persoas voluntarias que toman a decisión de formar parte da bolsa de voluntariado, como tamén, forma ao persoal das entidades membro da Confederación que se encarga de xestionar programas de voluntariado.
Sumando na Rede é outro dos programas que se desenvolve. Consiste na realización de actividades de sensibilización que teñen por finalidade fomentar a participación de persoas con discapacidade como voluntarias.
Cada ano, COGAMI realiza charlas de sensibilización, concienciación e prevención de lesións medulares dirixidas ao conxunto da poboación, especialmente a escolares de centros educativos. Estas charlas adoitan contar coa participación de persoas voluntarias que relatan as súas propias vivencias. Durante este ano asistiron a estas charlas de sensibilización 1.406 persoas.