As persoas contribuíntes que ao facer a declaración da renda marcaron o recadro do 0,7% destinado a Actividades de Interese Social permitiron que un total de 22 entidades do movemento asociativo de COGAMI puideran desenvolver programas en beneficio de persoas con discapacidade, acadando as preto de 5.000 persoas.
Durante este ano COGAMI e as súas entidades membro recibiron a cantidade total de 413.850,2€ da subvención destinada á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do imposto sobre a renda das persoas físicas e que se xestiona dende a Consellería de Política Social.
Todos os proxectos desenvolvidos durante este ano 2020 estaban enmarcados na promoción da autonomía persoal, en programas para a mellora da vida autónoma e a inclusión social e laboral, ademais de seren proxectos de investimento e adecuación de centros para persoas con discapacidade ou programas culturais e deportivos.
Entre as entidades que se beneficiaron da aportación achegada a través da X Solidaria están AMIZADE, AVEMPO, GRUMICO, ACEM Coruña e CON ARTRITIS Santiago, levando a cabo todas elas actividades de atención integral para persoas con discapacidade. Outras entidades, como MISELA continuou o seu programa de Atención Temperá para menores de 0 a 16 anos; AGL desenvolveu o seu programa de fisioterapia especializado en Linfedema; ASEM Galicia seguiu co programa VAVI que promove a vida autónoma independente e ASOTRAME mantén a vivenda de estadía temporal para pacientes oncolóxicos.
A través desta partida económica achegada trala X Solidaria, entidades como ALCER de Ourense, A Coruña e Pontevedra informaron e asesoraron a persoas con enfermidades renais; o GRUPO FERROL desenvolveu actividades encamiñadas a mellorar a calidade de vida; AGFQ desenvolve o programa de aerosolterapia e fisioterapia para persoas con fibrose quística; ACEM Santiago realizou intervención psicolóxica para persoas con esclerose múltiple, AFFOU realizou atención psico-social e rehabilitadora a persoas con fibromialxia, mentres que en COGAMI continuouse co programa de lecer.
En canto ás solicitudes presentadas na liña IV de Adquisicións de suministros equipamentos e vehículos, COGAMI realizou melloras e rehabilitación nas instalacións do centro de recursos de Medelo e a creación dunha aplicación informática; a asociación AGORA comprou mobiliario adaptado e realizou melloras na súa vivenda tutelada; ADIBISMUR comprou maquinaria para obradoiros de viveirismo e cestería AMARAI adquiriu un vehículo adaptado igual que COGAMI.