Cando se fai a declaración da renda, cada vez que unha persoa marca o recadro 106 de Programas de interese xeral para fins de carácter social, coñecida por X Solidaria, permite que o 0,7% do IRPF dos impostos que paga, poidan ser investidos en programas sociais como os que desenvolven COGAMI e as súas entidades membro.
Durante este ano foron máis de 3.000 persoas as que puideron beneficiarse destes programas que están destinados tanto á inclusión social como tamén á promoción da autonomía persoal, o apoio de persoas con discapacidade, voluntariado e obras de mellora e adaptación de espazos.
No programa de Atención Integral a persoas con discapacidade executado por COGAMI e polas entidades membro Adapta, Avempo e Amizade, beneficiáronse máis de 200 persoas. O programa de Atención Social e Asesoramento Especializado realizárono Acem Santiago, Acem Coruña, Asotrame, Acadar e Accu Ourense, ademais das asociacións Alcer Pontevedra, Alcer Coruña, Alcer Ourense e COGAMI, do que se beneficiaron preto de 800 persoas. O Programa de promoción da autonomía persoal estivo executado polas entidades Asem Galicia, Aodemper, Asearpo, Avante, Conartrite e COGAMI prestando servizo a 412 persoas, mentres que outras 300 persoas participaron no Programa de atención social especializada que desenvolveron as entidades Affou, Grumico, AGL e AGFQ. O programa de atención temperá executado por Misela e Vontade contou con 95 persoas beneficiarias
Outros dos programas desenvolvidos a través dos fondos da X Solidaria que xestiona a Xunta de Galicia, foi o de Lecer Inclusivo realizado en COGAMI e na asociación membro Ámbar, no que máis de 700 persoas puideron participar de actividades lúdicas. O programa de Voluntariado e o Servizo de Inclusión e Transición ao Emprego xunto coa entidade Acadar, ademais do servizo de transporte adaptado para persoas con discapacidade, foron outros dos programas desenvolvidos por COGAMI.
Dentro dos proxectos de investimento e obra, levouse a cabo a ampliación e reforma do centro de recursos da asociación Íntegro, a reforma e mellora do sistema de protección contra incendios da asociación Ámbar, a instalación da caldeira e a renovación de ventás da asociación Agora, a instalación de mobiliario para obradoiros de autonomía persoal e prelaborais en Aspamite, ademais de destinarse á creación dunha horta ecolóxica na asociación Adisbismur.
Por parte de COGAMI, as obras de mellora comprenderon o pintado interior do centro de recursos de Monteporreiro, obras de mantemento, conservación e mellora do centro de Medelo, en Silleda, o acondicionamento das zonas exteriores do centro de Fingoi, en Lugo, a adquisición de equipamento, a mellora do transporte adaptado, a renovación do equipo informático e a adquisición de material de rehabilitación para os centros de recursos de COGAMI, ademais da fase II de construción da sede de entidades e a renovación luminaria das oficinas que COGAMI ten en A Coruña, Santiago e Vigo e dos centros de recursos de Medelo e Monteporreiro.
Todos estes programas, que contan co financiamento da Xunta de Galicia, supoñen que as persoas con discapacidade teñan acceso a actividades e recursos encamiñados a mellorar a súa calidade de vida e as súas oportunidades.