Nun encontro mantido entre a Secretaria Xeral de Igualdade e representantes da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) e de COGAMI, Susana López Abella, volveu anunciar que a Xunta continuará cofinanciando xunto co Fondo Social Europeo, por terceiro ano consecutivo, o programa Enrédate de atención a mulleres con discapacidade.
Esta iniciativa proporciona unha atención personalizada e especializada a mulleres con discapacidade residentes en núcleos de baixa densidade de poboación das provincias de A Coruña e Pontevedra. O programa ten como meta a emancipación da muller do rural e con discapacidade, potenciando as súas capacidades para poder desenvolver unha vida máis autónoma e independente.
O programa focalízase neste ano onde a crise ocasionada pola COVID-19 impactou na realidade das mulleres con discapacidade, con situacións de violencia e pobreza nos fogares, os trámites telemáticos ou na priorización das persoas enfermas do novo coronavirus na atención médica, dando apoio á eliminación de barreiras e a igualdade de oportunidades a través do acompañamento a estas mulleres e o traballo en equipo.
O programa Enrédate pon o seu esforzo na mellora das habilidades comunicativas, na atención psicolóxica e mellora da autoestima, a comunicación e creación de rede entre as propias mulleres e a identificación das situacións de violencia, entre máis obxectivos.