A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR), entidade membro de COGAMI, presenta unha campaña de sensibilización que promove a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, para dar a coñecer situacións de violencia sexual contra mulleres e nenas con discapacidade.
Baixo o título `Que farías ti?´, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Mª Jesús Lorenzana, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, a presidenta de ACADAR, Mónica Álvarez, e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, presentaron nas instalacións do CEGADI de Santiago de Compostela unha campaña que dá visibilidade a situacións de violencia e discriminación que viven nenas e mulleres con discapacidade.
Mónica Álvarez iniciaba a súa intervención dicindo que “as mulleres con discapacidade están máis expostas a vivir unha situación de violencia sexual ao longo da súa vida”. Para argumentar esta declaración, aportou datos recollidos na macroenquisa contra a violencia publicada en 2019, onde se recolle que a violencia contra as mulleres con discapacidade prodúcese nun 42,1% fronte ao 36,9% de mulleres sen discapacidade; o 35,1% de mulleres con discapacidade e o 18,1% de mulleres sen discapacidade foron obrigadas a manter relacións sexuais sen o seu consentimento e o 40,3% de mulleres con discapacidade viviron algunha vez na súa vida unha situación de acoso sexual. “De todos estes datos resulta preocupante que un 41,4% das mulleres que viviron situacións de violencia sexual non falaron con ninguén desta situación”, remataba Álvarez.
No proceso de creación da campaña participaron máis de trinta persoas, co obxectivo de dar a coñecer e proporcionar ferramentas para a prevención a través de catro pezas audiovisuais que se poderán ver neste enderezo http://www.acadar.org/ ademais da páxina oficial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. O obxectivo de cada unha destas pezas é reclamar a implicación social a través da participación activa da persoa espectadora, necesaria para que a historia do vídeo poida continuar.
Cada unha das pezas de vídeo presentada narra as experiencias vividas por mulleres usuarias da asociación ACADAR. Son catro historias diferentes con guións que xorden de encontros e obradoiros realizados con mulleres con discapacidade e que se encargaron de levar ao audiovisual as directoras Noemi Chantada, Lucía Vilela, Mar Catarina e Xiana do Teixeiro.
O acto remataba coa intervención da Conselleira quen destacou a importancia deste proxecto que, segundo dixo “ten que ter máis percorrido que unha páxina web e iso temos que miralo” e lembrou que a igualdade abórdase desde unha perspectiva integral, “traballar pola integración da diversidade das mulleres no enfoque de xénero tamén é considerar a discriminación múltiple que está presente na vida de moitas mulleres”, engadiu a conselleira.