A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) desenvolveu no IES Coruxo vigués o programa “VIO 7: Ver para Erradicar” un proxecto de formación para o estudantado de 4º da ESO, ao que asistiron 70 estudantes.
Financiado pola Deputación de Pontevedra, este proxecto xurdiu tras detectar a necesidade de previr e sensibilizar ao alumnado adolescente sobre discapacidade, igualdade e prevención da violencia de xénero.
Tratouse en todo momento de buscar a reflexión crítica e o debate no alumnado facendo uso de materiais audiovisuais e casos prácticos recollidos no libro “Violencia contra as mulleres con discapacidade: ver e recoñecer os sinais” , único a nivel galego. Este libro está editado por ACADAR e financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade a través do Fondo Social Europeo. Nel amósanse distintas fotografías creadas para visibilizar diferentes situacións de violencia vivida por mulleres con discapacidade en diferentes ámbitos (física, psicolóxica, sexual, obstétrica, estrutural, económica e cultural), acompañada de indicadores concretos que facilitan a identificación das mesmas.
Os resultados da formación foron moi satisfactorios, tanto para o alumnado coma para o profesorado, manifestando que reflexionaran e aprenderan moito cos contidos que se traballaron e sentíronse a gusto co desenvolvemento das sesións.
A formación levouse a cabo entre os meses de novembro e decembro, coincidindo co Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres o sábado 25 de novembro, e o vindeiro 3 de decembro o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. É preciso destacar que a proporción de mulleres con discapacidade que viviu violencia física, sexual, psicolóxica e económica por parte das súas parellas é o dobre que a as mulleres sen discapacidade, tal como se recolle no libro “Violencia contra as mulleres con discapacidade: ver e recoñecer os sinais.