ACADAR inicia dous programas de inclusión social e laboral dirixidos a mulleres con discapacidade
  • Novas
  • 03 de junio de 2021

ACADAR inicia dous programas de inclusión social e laboral dirixidos a mulleres con discapacidade

A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) pon en marcha dous programas de inclusión social e laboral que teñen por finalidade promocionar a autonomía das mulleres con discapacidade. Un dos programas é o Servizo de Inclusión e Transición ao Emprego que se está desenvolvendo nos concellos de Chantada, Ourense e Lalín. O segundo programa denominado ‘Empleabilízate 2.0’, realízase nos concellos de  Ares e Ferrol.

Son un total de 54 mulleres as que participan nestes dous programas. Ámbolos dous, dirixidos a promover o desenvolvemento das capacidades prelaborais das mulleres con discapacidade, están financiados a través da convocatoria de concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social da Xunta de Galicia, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF de todas as persoas que ao facer a declaración da renda marcaron o recadro da X Solidaria.

ACADAR, co desenvolvemento destes programas de promoción da autonomía persoal, pretende dar resposta a unha realidade marcada pola precariedade laboral e económica que afecta ás mulleres con discapacidade, especialmente agudizada coa actual crise sanitaria. A través do Servizo de Inclusión e Transición ao Emprego e de ‘Empleabilízate 2.0’ trázanse itinerarios personalizados de inclusión e de formacións relacionados coas Tecnoloxías da Información e da Comunicación, as coñecidas como TIC.