• Novas
  • 06 de mayo de 2022

ACADAR promove a autonomía persoal de mulleres con discapacidade de Ourense e O Carballiño

 ACADAR promove a autonomía persoal de mulleres con discapacidade de Ourense e O Carballiño

A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) levará a cabo este ano un programa de atención especializada dirixido a mulleres con discapacidade dos concellos de Ourense e O Carballiño.

Este programa, denominado Empoderamento e Activación para o Emprego e que promove a Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), entidade da que forma parte ACADAR, e financia Fundación ”la Caixa”, pretende ser un recurso de apoio e motivación no proceso de inclusión laboral das mulleres con discapacidade.

Desenvolverase a través de itinerarios personalizados de inclusión sociolaboral e actividades grupais  de empoderamento, habilidades prelaborais e alfabetización tecnolóxica, ao mesmo tempo que se loita contra as múltiples discriminacións que afectan ás mulleres deste grupo social e se promove a súa participación en todos os aspectos da vida.

Durante o ano pasado neste programa de Empoderamento e Activación para o Emprego participaron 88 mulleres con discapacidade que se atopaban en situación de desemprego, que necesitaban mellorar as súas condicións laborais e/ou que se atopaban nunha situación de maior vulnerabilidade.

“Dende ACADAR, temos como prioridade a defensa dos dereitos das mulleres con discapacidade cara a súa participación en todos os ámbitos da sociedade” afirma a presidenta de ACADAR, Mónica Álvarez, destacando a necesidade de “facer fronte ás discriminacións que lles afectan en diferentes áreas da súa vida, especialmente naquelas esenciais para a construción dun proxecto de vida propio, como é o caso do acceso e permanencia no mercado laboral“ 

As mulleres con discapacidade interesadas en participar, poden poñerse en contacto coa técnica do programa, Diana Valeiras Carreiro, a través do correo electrónico igualdad.ourense@cocemfe.es  ou no teléfono 617 101 436.