• Novas
  • 05 de marzo de 2021

ACADAR propón para o 8M mulleres líderes e un futuro igualitario para mulleres e nenas con discapacidade

ACADAR propón para o 8M mulleres líderes e un futuro igualitario para mulleres e nenas con discapacidade

Como en anos anteriores, este 2021, con motivo do Día Internacional da Muller ACADAR súmase á comunidade internacional, en concreto á campaña da ONU, que ten por tema o enorme esforzo que realizan mulleres e nenas en todo o mundo para forxar un futuro máis igualitario e recuperarse da pandemia do COVID-19.

Segundo datos recolleitos nun estudo de COCEMFE (Confederación Estatal de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica) sobre o impacto do COVID-19 en persoas con discapacidade, o 31 % das mulleres con discapacidade viu que a súa responsabilidade en relación aos coidados aumentou, o 36 % afirma que a economía familiar empeorou considerablemente debido á diminución dos seus ingresos e un 24% manifesta ter maiores dificultades para acceder ao mercado laboral. Ademais, o 11 % das mulleres fixeron mención tamén a que as interrupcións na atención presencial dos servizos públicos unidos á fenda dixital dificultaron o acceso a recursos e apoios necesarios para minimizar o impacto negativo desta situación.

ACADAR quere lembrarlles aos gobernos estatal, autonómico e local a necesidade de avanzar cara a unha sociedade máis xusta, participativa e igualitaria para todas as persoas, especialmente para as mulleres e nenas con discapacidade. Lograr a Igualdade entre xéneros, así como o empoderamento de nenas e mulleres con discapacidade debe ser transversal tal e como recolle no seu ODS nº 5 a Axenda 2030 e atendendo ao seu lema de que para Transformar o mundo é imprescindible e necesario contar con todas e todos e non deixar a ninguén atrás.

Polo tanto, dende CEMUDIS (Confederación Estatal de Mujeres con Discapacidad) da que ACADAR forma parte, esíxese:

Vacinar ás mulleres con discapacidade dando prioridade ás mulleres con discapacidade física e orgánica de maior risco. Ademais dos seus grupos de convivintes e/ou asistentes persoais sen esquecer as coidadoras da contorna familiar de persoas dependentes na súa gran maioría mulleres

Implantar unha coordinación sociosanitaria real e efectiva para dar unha resposta axustada ás necesidades das nenas e mulleres con discapacidade.

Promover un desenvolvemento rural inclusivo que impida que as nenas e mulleres  con discapacidade fuxan dos seus lugares de orixe.

Garantir o acceso ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación por parte das nenas e mulleres con discapacidade.

Garantir que as medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de xénero se adecúen ás necesidades e demandas de nenas e mulleres con discapacidade, coa dotación orzamentaria necesaria.

Deseñar medidas encamiñadas a garantir o acceso ao mercado laboral das mulleres con discapacidade.

Actualizar o baremo de discapacidade para non pechar a porta dos dereitos a nenas e mulleres con discapacidade que verdadeiramente o necesitan para avanzar cara á igualdade de oportunidades.

Que se regule a equiparación da incapacidade laboral e a discapacidade, a taxa de paro das mulleres con discapacidade é moito maior que a dos homes con discapacidade, e esta medida melloraría a situación.

Promover que todos os núcleos de poboación sexan inclusivos, seguros, accesibles,  resilientes e sostibles desde unha perspectiva de xénero.

Modificar a Lei de propiedade horizontal para que a accesibilidade sexa obrigatoria e que non haxa ningunha nena nin muller con discapacidade encarcerada na súa propia casa, o nivel de pobreza das mulleres con discapacidade é moi alto.

Lexislar a figura da asistencia persoal fundamental para desenvolver a autonomía persoal as mulleres con discapacidade e ademais nos casos que son vítimas de violencia tal e como recolle o Pacto de Estado.

Adoptar todas as medidas apropiadas, especialmente no sector da educación, para modificar as pautas sociais e culturais de comportamento, así como eliminar os prexuízos e as prácticas habituais ou doutra índole baseadas na idea da inferioridade ou a superioridade dun dos sexos, na atribución de papeis  estereotipados, e erradicar a concepción anenada e asexuada das mulleres con discapacidade.