• Novas
  • 02 de junio de 2023

ACEM Compostela presenta a carreira solidaria pola esclerose múltiple

ACEM Compostela presenta a carreira solidaria pola esclerose múltiple

No Día Mundial da Esclerose Múltiple, a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) organiza a sexta edición da Carreira e Andaina solidarias a favor da entidade, contando este ano cun padriño de excepción, o adestrador do Monbus Obradoiro, Moncho Fernández Vidal quen, cun simbólico Dorsal 1, anima a todas as persoas a que participen e lle dean “máis visibilidade e repercusión”, dixo.

Celebrarase o domingo, 11 de xuño, ás 11horas, no Campus Vida-Sur e na Alameda de Santiago, baixo o control técnico da Federación Galega de Atletismo. Esta carreira que organiza ACEM, ten por obxectivo visibilizar e sensibilizar sobre a esclerose múltiple, ademais de dar a coñecer esta entidade como referente na atención sociosanitaria para as persoas afectadas e as súas familias, e recadar fondos para atender as súas necesidades.

As inscricións poderán efectuarse a través deste enlace www.carreirasgalegas.com ou de xeito presencial na entidade ata o día 7 de xuño. Aquelas persoas que non poidan acudir á Carreira-Andaina, poden contribuír solidariamente con ACEM a través do Dorsal 0.

A Esclerose Múltiple é unha enfermidade crónica autoinmune, desmielinizante e neurodexenerativa do sistema nervioso central que afecta a preto de 4.000 persoas en Galicia, e a 55.000 persoas en España. De forma xeral, diagnostícase entre os 20 e os 40 anos, en pleno desenvolvemento persoal e laboral, e mesmo en menores de 18 anos. Os síntomas máis habituais son a fatiga, problemas de visión, hormigueos, vertixes e mareos, debilidade muscular, espasmos e problemas de equilibrio e coordinación.