A Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros (ADISBISMIUR) dotou de equipamento os obradoiros que desenvolve de cestería e viveirismo a través dunha subvención na convocatoria do 0,7% do IRPF de 4.295,49€, que foron investidos na compra de maquinaria como unha cepilladora, unha serra de cinta, unha lixadora e dous pirograbadores para o obradoiro de cestería e unha moto sachadora, un cortadora de sebes, un corta céspede, unha motoserra e malla de solo para o de viveirismo.
A adquisición deste material foi posible co financiamento da Xunta de Galicia a través da convocatoria de subvencións daquelas persoas contribuíntes que na declaración da renda marcaron o recadro de Actividades de interese xeral consideradas de interese social, coñecida pola X Solidaria.
Estes obradoiros de viveirismo e cestería, nos que participan un total de 48 persoas usuarias de ADISBISMUR, facilitan a integración social e laboral das persoas con discapacidade, favorecendo a súa inserción laboral ademais de ofrecer formación específica e a habilitación tanto persoal como social.
Outro dos beneficios que supón a adquisición do novo material para os obradoiros que se imparten no centro que ten ADISBISMUR en Valadares, é que conseguen facilitar o traballo das persoas usuarias do centro, mellorar a produción e, polo tanto, incrementar os ingresos propios para reinvestir no centro e na posibilidade de ofrecer produtos máis variados á clientela.