ADISBISMUR adquire material para os obradoiros ocupacionais e de rehabilitación con financiación da X Solidaria
  • Novas
  • 24 de marzo de 2021

ADISBISMUR adquire material para os obradoiros ocupacionais e de rehabilitación con financiación da X Solidaria

A Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros (ADISBISMUR) dotou de equipamento novo os obradoiros ocupacionais de cestería, cerámica e viveirismo, ademais dos de rehabilitación en fisioterapia e logopedia, que se desenvolven no centro ocupacional e de atención diúrna e terapéutica en Valadares.

A adquisición do material foi posible coa subvención na convocatoria do 0,7% do IRPF de 7.092,92 € recadados a través de todas as persoas contribuíntes que, ao facer a declaración da renda, marcaron o recadro de Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social, coñecida pola X Solidaria, e que xestiona a Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social.

Este financiamento foi investido integramente na adquisición de xogos terapéuticos dirixidos a mellorar a comprensión, a expresión, a linguaxe, a lectura e a fonoloxía das persoas que acoden a logopedia. Para  o ximnasio de fisioterapia encargaron unhas paralelas con monorraíl porque facilitan a marcha en persoas que precisan a axuda doutras para deambular.

Unha extrusora de barro para o obradoiro de cerámica que facilita o traballo ás persoas que teñen dificultades de motricidade fina, material de xardinería para rego e o invernadoiro nos obradoiros de viveirismo e unha balanza para o obradoiro de cestería, son outros dos materiais adquiridos por ADISBISMUR para desenvolver correctamente a súa actividade.

Nestes obradoiros participan un total de 48 persoas usuarias da asociación ADISBISMUR, tendo como finalidade adquirir habilidades básicas prelaborais, favorecer a integración socio laboral intentando a promoción ao mundo laboral, mellorar a autonomía persoal e polo tanto, mellorar a súa calidade de vida, e deter procesos dexenerativos.