• Novas
  • 09 de marzo de 2022

ADISBISMUR conmemora o 8M poñendo en valor ás mulleres da comarca

ADISBISMUR conmemora o 8M poñendo en valor ás mulleres da comarca

A Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros (ADISBISMUR) organiza actividades de sensibilización e concienciación durante esta semana pola igualdade, co gallo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

Unha das actividades consistirá na elaboración dun obradoiro sobre a conmemoración da data do 8M e a través do que se pretenderá poñer en valor ás mulleres que deixan a súa pegada na historia tanto a nivel mundial como na particular galega.

Outra das actividades programadas é a organización dunha andaina virtual. Baixo o lema de Pasos pola Igualdade, Adisbismur pretende que todas as persoas que saian de andaina saquen unha foto e a suban ás súas redes sociais coa etiqueta ou hashtag #pasospolaigualdade. O obxectivo fundamental desta iniciativa é o se sensibilizar e concienciar na igualdade de xénero, na igualdade de oportunidades e no exercicio efectivo dos dereitos das mulleres.

Por último, a través da actividade A través dos teus ollos, as persoas usuarias do centro ocupacional que ten Adisbismur en Valadares farán entrevistas a mulleres dos concellos de Carnota, Muros, Outes e Mazaricos que se dedican ou que se dedicaron a profesións tan diversas como a gandería, industria conserveira, amas de casa, marisqueo… A finalidade é poñer en valor ás mulleres da comarca, dándolle o recoñecemento necesario pola súa contribución aos dereitos das mulleres na sociedade actual.