Obra finalizada. Despois de dúas de semanas de montaxe da estrutura, a Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros (ADISBISMUR) pode presumir de ter un novo invernadoiro nas instalacións onde está situado o centro de recursos que a entidade ten en Valadares, no concello de Outes.
Esta nova instalación para o cultivo forma parte dun programa de horto ecolóxico, un proxecto formativo en agricultura ecolóxica, financiado por Fundación ONCE e a Consellería de Política Social, no que participaron 15 persoas con discapacidade. Ao remate desta formación, dúas persoas lograron o seu primeiro emprego.
A través deste proxecto, e coas novas instalacións estreadas do invernadoiro, dende Adisbismur pretenden formar en agricultura sostible pero tamén ofrecer formación laboral básica orientada á inserción laboral das persoas do centro de Valadares. Dende a entidade apuntan que non é doada a inserción laboral de persoas con discapacidade física e/ou intelectual que viven en zona rural, onde as oportunidades son máis limitadas.
Este novo invernadoiro únese aos outros catro que a entidade empezou a construír hai máis de dez anos, cando bota a andar a actividade de viveirismo. A través destes obradoiros de viveirismo e cultivo ecolóxico proporcionarase unha mellor calidade de vida ás persoas usuarias que a diario acoden ata o centro Valadares, potenciando as súas capacidades e superando as súas debilidades, prestando os apoios que necesiten, tanto no centro como fora del.
Agora, o centro conta cunha nova estrutura de multitunel de policarbonato de 432 m² de superficie, con medidas de 24x18 metros nos que se van plantar, en primeiro lugar, plantas leguminosas como chícharos e tirabeques ademais de tomate, para ir analizando o comportamento e fertilidade da terra que non foi tratada anteriormente.