Co gallo de conmemorar o Día da Muller, dende a Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros (ADISBISMUR) están a organizar diferentes actividades durante a semana e nas que participan as persoas usuarias do centro de Valadares. Cada unha destas actividades cumpren co obxectivo de desenvolver o pensamento crítico cara aos estereotipas sexistas e visibilizar as aportacións na nosa sociedade por mulleres galegas ao longo da historia.
Baixo o título de A Semana pola Igualdade, os actos organizados iniciaron o luns, 8 de marzo, coa entrega dun agasallo á muller máis lonxeva dos concellos de Muros, Outes, Mazaricos e Carnota, concellos de ámbito de actuación da entidade. A estas mulleres fíxoselle entrega dunha cesta cunha figura de cerámica elaborada polas persoas usuarias do centro Valadares acompañada de produtos do horto ecolóxico que coidan no centro.
Para o resto da semana dende a entidade teñen programadas actividades dinámicas para fomentar a cooperación e a participación, como a elaboración de pulseiras para que cada persoa usuaria lle faga entrega á muller referente da súa vida.
Un vídeoforum, xogos de mesa e mesmo un encontro virtual con outra entidade membro de COGAMI como é Amarai de Arzúa, son outras das actividades programadas durante a semana do 8 de marzo por parte da asociación ADISBISMUR.