ADISBISMUR organiza un taller de escritura creativa para conmemorar o Día do Libro
  • Novas
  • 21 de abril de 2021

ADISBISMUR organiza un taller de escritura creativa para conmemorar o Día do Libro

Co gallo da conmemoración do Día do Libro o 23 de abril, a Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros (ADISBISMUR) organizou un obradoiro de escritura creativa no que participan as persoas usuarias do centro de recursos que ten en Valadares.

Este tipo de actividades que se desenvolven pretenden, ademais de potenciar a creatividade, a escritura e a imaxinación das persoas usuarias, facelas partícipes do que acontece día a día, fomentando a súa participación social e, polo tanto, a súa inclusión.

A través do Club de Lectura que teñen organizado, ADISBISMUR creará o seu propio conto a través da técnica de chuvia de ideas coa que se pretende fomentar a imaxinación, a expresión oral, a participación, o pensamento positivo, a resolución de conflitos e, sobre todo, fomentar a espontaneidade deixando fóra a timidez.

Este conto estará adaptado ás necesidades de  todas as persoas usuarias do centro e tamén das que queiran lelo, polo que estará escrito tanto no sistema braille como con pictogramas.