• Novas
  • 12 de junio de 2023

AGL ofrece fisioterapia especializada en linfedema financiada a través da X Solidaria

AGL ofrece fisioterapia especializada en linfedema financiada a través da X Solidaria

A Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia Venosa Crónica e outras patoloxías vasculares periféricas (AGL) continúa durante este ano co programa de Atención Especializada para Persoas con Discapacidade, no que se leva a cabo a actividade de fisioterapia especializada a pacientes con estas patoloxías.

Este programa está financiado a través da convocatoria de concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social que xestiona a Xunta de Galicia con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF daquelas persoas que marcaron o recadro 106 de Actividades de interese xeral consideradas de interese social, coñecido pola X Solidaria.

Esta actividade de fisioterapia ten por finalidade facilitar a autonomía das persoas a través da inclusión social e laboral, mellorando as súas capacidades. Actualmente son 84 persoas as que se benefician deste servizo especializado no tratamento que AGL desenvolve en 11 clínicas especializadas situadas nos concellos de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Santiago de Compostela, Ferrol, Culleredo e Carballo.

Dende AGL apuntan que, para evitar que a enfermidade empeore e se sinta agravada,  a fisioterapia especializada resulta ser o tratamento máis eficaz. A día de hoxe a sanidade pública galega non conta cos recursos suficientes para ofrecer este servizo a todas as persoas afectadas destas doenzas, tendo que recibilo de maneira privada, sen poder ser asumido por todas as persoas o seu custo. 

Por este motivo, a asociación AGL decidiu poñer en marcha durante o ano 2015 este programa e agarda que se manteña no tempo por ser, xunto coas medidas de compresión, a maneira máis eficaz para tratar o linfedema e lipedema.