• Novas
  • 02 de diciembre de 2022

AJE Ourense premia a COGAMI polo “seu compromiso social”

A Asociación de Jóvenes Empresarios de Ourense (AJE Ourense) celebrou no  Arquivo Histórico de Ourense, a XI edición dos premios e recoñecementos AJE. E un destes premios recaeu en COGAMI, o premio ao “Compromiso Social 2023” polo labor que leva a cabo coas persoas que teñen algún tipo de discapacidade e apostando pola inclusión en todos os ámbitos da sociedade”.

A vicepresidenta segunda de COGAMI, Mónica Álvarez, foi a encargada de recoller este premio que lle foi entregado polo delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, de María Troncoso, xestora de comunicación de Cocacola, e de María del Carmen Bernárdez e Adrián Dacal, membros da directiva AJE.

Durante o discurso de agradecemento, Mónica Álvarez dixo que “este recoñecemento supón un paso máis para a visibilización e normalización das persoas con discapacidade na sociedade e no eido laboral”. A Vicepresidenta segunda continuaba co discurso falando da importancia para a sociedade de que as empresas sexan inclusivas, da igualdade de oportunidades para todas as persoas e recalcou que “para unha persoa con discapacidade o traballo é máis que un dereito, supón unha oportunidade encamiñada a ter unha vida digna e estable, fomentando a nosa participación na sociedade e mellorando a autonomía persoal”.