• Novas
  • 04 de octubre de 2018

Alcalde de Vilanova entrega diplomas ao alumnado que remata curso de limpeza impartido por COGAMI

Alcalde de Vilanova entrega diplomas ao alumnado que remata curso de limpeza impartido por COGAMI

Un total de quince persoas con discapacidade recolleron esta mañá o seu diploma que acredita que remataron e superaron o curso de Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais que impartimos no concello de Vilanova.

Precisamente foi o alcalde desta localidade, Gonzalo Durán, acompañado do tenente de alcalde, Javier Tourís, e mailo vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, as persoas encargadas de facer entrega destes diplomas.  

O curso, que xa conta con 5 insercións laborais, é unha iniciativa que comprende o programa Máis Emprego e que financia o Fondo Social Europeo e Fundación Bancaria “la Caixa”, que ten por finalidade a mellora da inserción sociolaboral das persoas con discapacidade ou incapacidade laboral en situación ou risco de exclusión, mediante a activación para a busca de emprego e o trazado de itinerarios personalizados de cara á inserción.

O ámbito territorial deste programa engloba toda a provincia de Pontevedra, se ben nesta ocasión a formación impartiuse con ámbito de actuación na comarca do Salnés, sendo o alumnado dos concellos de Vilanova, Vilagarcía, a Illa e Meis.

En palabras do vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo “queremos resaltar do compromiso de COGAMI co rural, sempre tentamos levar a formación ás zonas rurais para evitar desprazamentos ás cidades que, como saben, contan con máis recursos”. Sestayo tamén expresou o seu agradecemento ao concello de Vilanova “polo apoio que nos brinda ás persoas con discapacidade” e adiantou que proximamente iniciará outro curso en Vilanova de manipulador de alimentos.

O Alcalde de Vilanova dixo que “o concello pon as instalacións ao servizo de todos os colectivos, entre eles os da discapacidade” e anunciou tamén que “ata o 2023 estas instalacións poden ser utilizadas por COGAMI”, data que coincide co fin do programa Máis Emprego, que iniciou en 2017 e rematará seis anos despois.

15 persoas formadas.

   

Non puideron estar todas as alumnas e alumnos presentes para recoller o diploma, pero si estiveron a maioría. Compartiron aula durante un mes e a complicidade e os lazos de amizade que crearon sentíronse segundo ían chegando á aula e se ían saudando. “Temos un grupo de Whatsapp no que nos comunicamos constantemente, sobre todo cando estábamos nas prácticas para comentar o que facía cada un”, apuntaba Mónica Vidal. Xa remataron as prácticas e o curso, pero “seguimos aínda en contacto e ata fixemos unha comida de fin de curso”.

  

Lucía Goríns é unha das cinco persoas que está traballando tralo seu paso polo curso. Non lle deu nin tempo de cambiarse para recoller o diploma. Dende hai un mes, tras unha oferta de emprego que lle chegou ao Servizo de Intermediación Laboral (SIL), asistiu a unha entrevista de traballo de Autocares Rías Baixas e seleccionárona. “Sempre tiven trabas  e problemas para encontrar traballo ata que cheguei a esta empresa que me entrevistou, orientoume e formoume. Dou mil gracias”, explicaba Lucía por esta oportunidade de demostrar todo o potencial que ten.

  

Para José Luis Veiga tampouco foi un camiño de rosas. Tras traballar máis de trinta anos na construción, unha enfermidade derivou nunha incapacidade para desempeñar a única profesión que coñecía, co que tivo que reciclarse e volver poñerse en activo na busca de emprego. Apuntado no SIL, como as dúas compañeiras “cada vez que me chaman para unha oferta de traballo que sae para min é unha ilusión para non estar na casa”, nos contaba José Luis, quen tamén está traballando.