• Novas
  • 24 de febrero de 2022

Alcer Coruña atendeu a preto de 700 persoas con enfermidade renal e familiares

Alcer Coruña atendeu a preto de 700 persoas con enfermidade renal e familiares

A Asociación para a Loita Contra as Enfermidades do Ril (Alcer Coruña) atendeu durante o ano 2021 a 690 persoas con enfermidade renal crónica e familiares da provincia coruñesa. A través do servizo de Información, Orientación e Asesoramento da entidade explicáronse as distintas prestacións, recursos e servizos que son de interese para este colectivo.

Outras das prestacións ofrecidas por Alcer Coruña foron a realización de tramitacións de recursos para mellorar a calidade de vida das persoas usuarias, sendo estes a tramitación do certificado de discapacidade e o reintegro de gastos de transporte para aquelas persoas que acudiron no seu vehículo ao tratamento de hemodiálise.

Outros programas desenvolvidos foron 3 obradoiros de nutrición para persoas que están sendo dializadas, sendo impartidos nas delegacións de Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela. Dende Alcer Coruña destacan que as persoas que asisten a diálise teñen unhas restricións alimentarias exixentes e, con estes obradoiros, aprenderon pautas necesarias sobre os alimentos que mellor se adaptan á súa patoloxía.

Todas estas actividades contaron coa cofinanciación da Fundación ONCE, como o servizo de Atención do Impacto sobre o Proxecto de Vida a Persoas con Enfermidade Renal Crónica e Familiares.