• Novas
  • 17 de septiembre de 2018

Alcer Coruña desenvolve o Servizo de Información a persoas con enfermidade renal crónica e familiares que beneficia a máis de 200 persoas

Alcer Coruña desenvolve o Servizo de Información a persoas con enfermidade renal crónica e familiares que beneficia a máis de 200 persoas

A Asociación de Loita contra as Enfermidades do Ril (Alcer Coruña) desenvolve un programa primordial para as persoas afectadas por Enfermidade Renal Crónica (ERC) o “Servizo de información a persoas con ERC e familiares”, co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas afectadas.

A través deste servizo Alcer Coruña pretende acompañar no impacto que supón a Enfermidade Renal nas persoas afectadas nos diferentes ámbitos da vida: laboral, familiar, social, no lecer, na parella ... así como nas actividades da vida diaria. O programa ofrece intervención social individualizada, fomenta a inserción laboral e desenvolve a independencia nas diferentes afectacións que pode haber no desenvolvemento de actividades cotiás.

O Servizo de información a persoas con ERC e familiares contará cunha traballadora social e unha terapeuta ocupacional que se financiarán con 27.000€ da Xunta de Galicia, uns fondos que proceden da convocatoria de subvencións que as persoas contribuíntes derivan marcando a X Solidaria na Declaración da Renda.

Segundo os datos da Sociedade Española de Nefroloxía no Estado Español ao redor de1 de cada 7 persoas ten un funcionamento renal anómalo, polo que nos podemos referir a unha poboación similar a afectada polo desemprego. Neste anos superáronse os 5.000 transplantes a nivel estatal, cifras que é preciso que vaian en aumento para ofrecer un futuro de vida ás persoas afectadas por ERC.

Que é a Enfermidade Renal Crónica?

A ERC é un estado caracterizado pola diminución significativa e progresiva da función dos riles. Debido a esa falla da función dos riles, iranse acumulando no corpo sustancias non depuradas. Habitúa a ser moi silenciosa, a non manifestarse ata os estadios máis avanzados do deterioro renal. Cando o deterioro renal chega a un momento moi avanzado existen posibilidades de tratamentos renais substitutivos: as diálises (hospitalarias ou domiciliarias) e o transplante de cadáver ou de vivo. A vivencia con ERC supón un potente impacto no desenvolvemento do proxecto vital, polo que precisa de acompañamento nos eido sanitario e psicosocial.

Alcer Coruña

As entidades Alcer nacen en 1976 co propósito de que existise acceso aos tratamentos de diálise. Na actualidade Alcer Coruña pretende a mellora na calidade de vida das persoas con Enfermidade Renal, a través do acompañamentos psicosocial e o apoio na toma de decisión, así como na sensibilización en material de doazón de órganos e  transplante.