A Asociación para a Loita contra as Enfermidades Renais (ALCER) da provincia de Ourense vén de recibir neste pasado mes de xaneiro os fondos para poder desenvolver o seu programa de Atención social e asesoramento especializado II.
Financiado a través do 0,7% do IRPF de todas as persoas que marcaron o recadro 106 de fins sociais ao facer a declaración da renda e que xestiona a Xunta, este programa ofrece información e asesoramento a persoas con enfermidade renal en estadios iniciais da enfermidade como a persoas en estadios máis avanzados xa en tratamento renal substitutivo, e familiares.
A actividade realízase durante todo o ano e durante este trimestre, a traballadora social da entidade xa leva atendidas a 30 persoas da provincia de Ourense, tanto de forma presencial na sede como de forma virtual e a través de chamadas telefónicas.
A enfermidade renal crónica (ERC) é un estado caracterizado pola diminución significativa e progresiva da función dos riles. É importante destacar que na última década, a ERC aumentou case un 30% e de seguir a este ritmo actual de crecemento, acabará converténdose na segunda causa de morte no noso país. Empezar a convivir con ERC supón un importante cambio na vida de calquera persoa, polo que o acompañamento e asesoramento tanto para as persoas con enfermidade renal como para os seus familiares é fundamental.
Polo tanto, marcar o recadro 106 na declaración da renda e colabora coas entidades que traballan por e para as persoas.