A Asociación de Persoas con Discapacidade e Apoio á Integración das Comarcas de Arzúa e Terra de Melide (Amarai) vén de iniciar actividades para apoiar escolares con discapacidade dentro das aulas. Segundo datos da entidade, nestes últimos anos incrementou o acoso escolar contra nenas e nenos con discapacidade, polo que Amarai decide crear un servizo sobre a prevención do bullying nos centros educativos.
A psicopedagoga da entidade xa tomou contacto con todos os colexios da zona de ámbito de actuación de Amarai para recompilar datos como as idades, sexo e ocasións nas que se produciu o acoso nos centros escolares, co fin de crear obradoiros adaptados a cada nivel educativo.
Para o alumnado máis pequeno, os obradoiros desenvolveranse a través de xogos con marionetas e obras teatrais, mentres que para o estudantado da ESO, será a través de coloquios, vídeos e roles de identidade como intentarán sensibilizalos.
Esta actividade é posible coa financiación de Fundación “la Caixa” e Caixabank, organismos que tamén apoian un servizo de reforzo educativo de atención individualizada dirixido a escolares con déficit nas capacidades cognitivas que repercuten na súa aprendizaxe.