No mes de xuño a asociación Ambar iniciaba o Proxecto Lique, unha iniciativa que pretende sensibilizar medioambientalmente á cidadanía sobre o coidado e preservación da contorna na que vivimos, potenciar a participación social activa da cidadanía en prol do mellor coñecemento dos recursos costeiros e favorecer a cohesión social e o benestar social mediante a realización de actividades inclusivas ao aire libre nas que aproveitar os recursos do territorio.
Enmarcado nas actividades programadas pola entidade e que financia GALP Ría de Arousa, Ambar ofreceu en rolda de prensa un resumo dos datos de participación no proxecto, ao que asistiron 265 persoas das cales 59 foron familias e amizades da entidade. A coordinadora do proxecto, Rosana Olveira, subliñou que “ás familias participantes encantoulles participar e propuxeron volver a facer visitas e actividades deste tipo de xeito que poidan compartir o día con outras familias”.
Obradoiros de produtos de pesca e degustacións, a realización de material divulgativo informativo e de lectura sinxela sobre os espazos protexidos, visitas aos arquipélagos do parque nacional marítimo das Illas Atlánticas diferentes obradoiros en espazos naturais foron algunhas das actividades realizadas.